MeteoSIX
Introdución

MeteoGalicia, conxuntamente co Grupo de Arquitectura de Computadores da UDC, o Laboratorio de Sistemas da USC e o CESGA publica un sistema de acceso xeorreferenciado á predición numérica, tanto meteorolóxica como oceanográfica e unha aplicación para dispositivos móbiles, MeteoSIX Mobile, que permitirá a personalización do acceso a ditas predicións. Así, os usuarios poderán confeccionar dende o seus dispositivos móbiles predicións para calquera lugar de Galicia á medida das súas necesidades.

MeteoSIX Mobile está dispoñible para o sistema operativo Android e para iOS (iPhone). A aplicación pode usarse en tres idiomas (galego, castelán e inglés) seleccionables a través do menú. Os datos obtéñense a través da API do MeteoSIX e proceden directamente dos resultados dos programas informáticos de predición numérica de MeteoGalicia, sen supervisión humana. Pode atoparse máis información na guía de axuda que inclúe o propio programa.


MeteoSIX Mobile: Aplicación para Android e para iOS

MeteoSIX Mobile é unha aplicación para dispositivos con sistema operativo Android e iOS que permite aos usuarios consultar a predición meteorolóxica e oceanográfica proporcionada polos modelos de predición numérica executados por MeteoGalicia. Tamén ofrece información sobre as mareas e as horas de saída e posta do sol.

Para Android a aplicación está dispoñible de balde no Google Play.

Para iOS (sistema operativo móbil de Apple) a aplicación está dispoñible de balde na App Store de Apple.

MeteoSIX Mobile permite obter a predición para calquera punto do sudoeste de Europa e da súa costa de tres modos:

  • - Usando a posición actual do dispositivo
  • - Seleccionando o punto de interese sobre o mapa
  • - Facendo unha busca polo nome do lugar. Actualmente pódense buscar entidades de poboación e praias de Galicia.

imaxe1_mobil   imaxe3_mobil   imaxe4_mobil   imaxe2_mobil

Tamén permite gardar lugares favoritos, para poder así acceder á súa predición de forma directa. Ademais, os usuarios poden elixir entre ver a predición diaria resumida ou unha predición estendida con datos horarios e poden seleccionar un gran número de variables: temperatura, estado do ceo, vento, temperatura da auga, altura de onda, etc.

A aplicación para Android inclúe tamén un widget para aqueles usuarios que queiran ter no escritorio do seu dispositivo a predición para algún dos seus lugares favoritos de forma permanente.


API para consulta de datos meteorolóxicos e oceanográficos de MeteoGalicia

A API do MeteoSIX é un servizo web que da acceso aos resultados dos distintos modelos de predición numérica executados diariamente por MeteoGalicia. Ademais, permite obter información sobre as mareas e sobre as horas de saída e posta do sol.

O obxectivo desta API é facilitar a consulta da grande cantidade de información de predición meteorolóxica e oceanográfica existente presentándoa dun xeito estruturado e ordenado. A API pode ser útil tanto para aqueles que desexen desenvolver aplicacións meteorolóxicas a medida usando estes datos, como para usuarios finais que precisen a información para distintos tipos de análises e procesamentos.

As variables de predición numérica que se poden consultar a través da API son as seguintes:

  • - Estado do ceo
  • - Temperatura
  • - Vento
  • - Precipitacións
  • - Cota de neve
  • - Humidade relativa
  • - Cobertura nubosa
  • - Presión ao nivel do mar
  • - Período de onda*
  • - Dirección de onda*
  • - Temperatura da auga*
  • - Salinidade*
  • - Altura de onda*

* só en puntos sobre o mar

É aconsellable consultar o manual de usuario da API do MeteoSIX (tamén dispoñible en inglés) antes de utilizala. Neste documento descríbese o seu funcionamento con exemplos incluídos.


Como obter unha clave para facer uso da API

A API é pública e o seu uso é de balde. Para usala debe solicitarse unha clave de usuario incluíndo o seu correo electrónico no formulario que se amosa nesta páxina.

Esta clave queda ligada ao enderezo de correo electrónico dende o que se fixo a solicitude e debe ser incluída en todas as peticións que se fagan.

Se xa solicitou unha clave pero esqueceuna, pode incluír de novo no formulario o mesmo email e recibirá no seu correo un recordatorio da clave.

Formulario de obtención da clave

Para previr o envío de solicitudes automáticas, requírese que introduza un código de confirmación. O código amósase na imaxe que debería ver debaixo. Se está visualmente impedido ou non pode ver o código, por favor contacte co Administrador do Sitio.

Introduza o código de confirmación exactamente como se ve nesta imaxe:

captcha
¿Que é MeteoSIX?

MeteoSIX nace en decembro de 2009 coordinado por MeteoGalicia e coa participación do Grupo de Arquitectura de Computadores da UDC, o Laboratorio de Sistemas da USC e o CESGA. Os seus obxectivos son dotar a MeteoGalicia dun Sistema de Información Xeográfica (SIX) para o acceso a datos meteorolóxicos e proporcionar canles de acceso á información axeitadas ao maior número posible de usuarios.

Proxecto RAIAco

O proxecto RAIAco, Observatorio Oceánico da Marxe Ibérica, naceu en abril de 2011 como continuación do proxecto RAIA do cal forman parte 13 socios da Eurorexión Galicia-Norte de Portugal. Ambos proxectos (coordinados desde MeteoGalicia) teñen, entre outros obxectivos, o de dotar ao Observatorio Oceánico RAIA dunha Infraestrutura de Datos Espaciais (IDE) para o acceso aos datos meteorolóxicos e oceanográficos e proporcionar canles de acceso á información adecuados para o maior número posible de usuarios.

Sobre o uso da API

A API do MeteoSIX é un servizo web que da acceso aos resultados dos distintos modelos de predición numérica executados diariamente por MeteoGalicia. Ademais, permite obter información sobre as mareas e sobre as horas de saída e posta do sol.

A API é pública e o seu uso é de balde. Para usala debe solicitarse unha clave de usuario incluíndo o seu correo electrónico no formulario que se amosa nesta páxina.

Esta clave queda ligada ao enderezo de correo electrónico dende o que se fixo a solicitude e debe ser incluída en todas as peticións que se fagan.

Widget da aplicación para Android

A aplicación para Android inclúe tamén un widget para aqueles usuarios que queiran ter no escritorio do seu dispositivo a predición para algún dos seus lugares favoritos de forma permanente.

Widget_MeteoSIX


Xunta de Galicia  
MeteoGalicia - Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio - Xunta de Galicia
Nota legal | Contactar 4.3.6
Teléfono: +34-881-999654
Fax: +34-981-957466
Galicia